Mostrando entradas con la etiqueta RESOLUCIÓN DE CONFLITOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RESOLUCIÓN DE CONFLITOS. Mostrar todas las entradas

lunes, 8 de diciembre de 2008

SÍ E A MOITA HONRA

Que ledicia ao ver que esta pequena parte do meu traballo e do meu día a día empeza a ter seguidores e achegas dende fóra. Como me dixo un compañeiro do colexio: "ter un blog ao principio é unha actividade solitaria e ás veces parece que falas para ti só". Así que non sabedes canto vos agradezo os comentarios e os ánimos cara a este proxecto que en breve cumprirá un mes de vida.

Durante este tempo o libro dos xogos segue medrando e a motivación por xogalos no patio moito máis, favorecendo a resolución dos pequenos conflitos que sucedían. O xogo da abelliñas de San Miguel era descoñecido para eles pero se observades a retahíla, entenderedes rapidamente porque foi moi ben acollido polos nenos e nenas da miña aula.
En canto o xogo da pita cega atopeime con grandes expertos no mesmo, onde algúns xa dominaban técnicas e estratexias moi complexas para non ser recoñecidos como, por exemplo, agacharse, pechar os ollos ou, a sempre eficiente, aguantar a respiración. Por iso, descargueime a seguinte pista de audio da páxina web orellapendella.org; que de súpeto se escoitou dende algún punto da clase; foi unha forma para motivar a presentación do xogo e favorecer que xurdisen hipóteses e ideas previas sobre o xogo.
Déixovos as follas para completar o voso libro persoal de xogos.

Ao ver que o libro é cada vez máis grande empezan a preguntar se llo levarán a casa polo nadal, punto que aínda non teño moi decidido xa que é unha proposta que quero que siga despois das vacacións... Umm! Terei que pensalo!
Doutra banda, estou moi ilusionada por como crecen as súas estratexias para resolver as pelexas que lles xorden con outros compañeiros. Como foi o pasado mércores (creo) cando Iago chegou do baño contándome que outro compañeiro pegoulle cando se atoparon no servizo. Para a miña sorpresa Iago pedíame permiso para ir en busca deste compañeiro para pedirlle desculpas. Non entendía moi ben o motivo das súas desculpas, pero el moi ben argumentoume que ao defenderse empuxouno contra a parede e que quería ir pedir perdón e falar con el porque así se solucionaban os problemas.
Ese mércores foi outro día máis onde os nenos demostranme que nos dan mil voltas aos adultos en canto o seu comportamento. Por iso, a partir de agora, cando alguén me diga que me comporto como unha nena responderei: SÍ E A MOITA HONRA! 

lunes, 24 de noviembre de 2008

O LIBRO DOS XOGOS

Como era de supor nunha das últimas asembleas xurdiron novas pelexas no patio. todos opinamos e analizamos o porqué de que suceda eses conflitos. 
A resposta unánime foi porque xogan ás pelexas e logo acábanse dándose de verdade. Cando preguntei que poderiamos realizar para mellorar ese momento, todos/as observaron a necesidade de aprender outros xogos para non ter que recorrer sempre ao "xogo das pelexas". 
É por isto polo que iniciamos un novo libro: "o libro dos xogos", o cal iremos aumentando aprendendo novos xogos.
Empezamos a pensar por cal comezar e démonos conta que, no fondo, xa conociamos moitos xogos; rapidamente fixemos unha lista de 15 xogos para o momento do patio; algún deles novos e outros que "seguramente xa coñecían os nosos avós". 
Cada semana traballamos sobre un ou dous xogos, sobre todo se o tempo acompáñanos. Eu vou realizando as páxinas do libro, que de hoxe en diante ireivos colgando para que tamén podais usalas.

domingo, 23 de noviembre de 2008

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

A resolución de conflitos é un dos aspectos que máis importancia lle dou no día a día. Dedicámoslle bastante tempo pero pronto se ve recompensado o tempo dedicado. 
O que ví durante a miña breve experiencia docente é que a maioría das veces os nenos e nenas usan a agresividade para resolver os pequenos problemas porque non atopan outros recursos que lles sirva para devandita finalidade. 
É por isto que habitualmente realizamos "unha asemblea extraordinaria" á volta do recreo para saber que problemas houbo no patio e como se foron solucionando. Nesta asemblea a maioría dos nenos e nenas participan opinando e propoñendo solucións (ou nestas alturas, xa solucionando o problema). Todos analizamos a orixe do conflito e como chegamos até ese punto.
Como é lóxico a nosa postura consensuada é que debemos solucionar os conflitos falando e por nós mesmos, xa que eu UNICAMENTE son unha mediadora nese momento; "non é o meu problema" así que teñen que solucionalo e falalo eles/as. 
Xa non é tan estraño ver a algún dos meus alumnos sentados nun recuncho do patio ou nunha das mesas de clase falando para chegar a un acordo. Xa non é tan estraño escoitar frases como "agora fala ti que eu che escoito" ou "imos a unha mesa que isto temos que falalo". 
Como é de supor atópome moi orgullosa de como a aula está a responder a esta dinámica, pero nunca estamos libres a que se nos esqueza as boas formas ou que volvamos recorrer á solución máis rápida.