domingo, 15 de febrero de 2009

TEÑO MOITO QUE CONTARVOS


Fai algúns días que non adico tempo a escribir no blogue. En cousas coma estas é cando se ve a falta de tempo que teño entre as clases, traballar en ideas para aplicar na clase, a miña formación e preparación das oposicións. Aínda así non penso abandoar as publicacións periódicas neste espazo, xa que, tal é como lle dixen a unha nai nunha recente titoría é un modo de axuda para mín, para reflexionar sobre o que fixemos e como saiu; sendo consciente de onde metín a pata, que cousas lle gustaron aos nenos e podemos repetir e cales non. É por isto que agradezo que me digades aqueles comentarios que fan os nenos e nenas do que facemos na clase, xa que me dan moita moita información do que eles pensan.

Durante este tempo fixemos moitas cousas na clase que teño que contarvos: deuse por finalizado un proxecto, celebramos o Día da paz, comezamos a pensar no entroido e propuxemos cousas novas. A foto que podedes ver son as pombas para decorar o corredor nese día.


SOBRE OS XOGOS...
Realmente foi moi produtivo. Durante este tempo fomos coma detectives investigando sobre os xogos de agora e os dos nosos antepasados. Para non esquecer aquilo que averiguabamos vimos a necesidade de anotalo para non esquecelo, usamos as letras, os debuxos ou otras ferramentas que servisen.

Así grazas a vosa axuda e participación chegaron ata clase actuaccións, listados e imaxes de xogos que facían o pai, a nai, o avó ou a avoa dalgúns dos nenos/as. Durante a asemblea os nenos/as que traían un novo descubrimento sobre a súa familia contábano e amosábano a todos os seus compañeiros e compañeiras. Era un momento de gran protagonismo para cada un deles.

O tema foi pouco a pouco sendo menos motivador polo que, coa chegada doutro caderno, fomos cambiando a temática de traballo ao longo desta semana. Co peche do tema dos xogos, xurdiu no caderno unha actividade sobre a prensa a cal provocou bastante interese. Vin entón máis posibilidades nela así que fixen nun folio DIN A-3 unha folla de prensa para cada un.
En breve ensinareivos o resultado e o que estamos a facer en novas fotos e gravacións.

SOBRE O ENTROIDO...
Como sabedes ímonos a disfrazar de bonecos de neve. Facer os disfraces é unha das cousas que máis tempo me quita para facer outras cousas pero sei que vale a pena no momento que ves o sorriso dun deles cando lle probas o disfraz na clase. Teño que recoñecer que ao principio tiña algo de medo á elección do disfraz polo que opinaran os nenos e nenas pero agora estamos a ver que acertamos coa decisión.

Gústame que a elaboración sexa algo compartido entre os nenos, os mestres e as familias, xa que cada un de nós temos algunha participación na creación do traxe e dos complementos.

SOBRE A ANIMACIÓN Á LECTURA...
Nestes útimos días, fíxenme cunha nova adquisición coa cal busco motivalos cara a lectura, e polo momento podo decirvos que creo que ten resultado. Merquei un CD-DVD chamando CANTOS EN CONTOS coeditado por PAI MUSICA e OQO. Neste CD-DVD cóntannos contos dun xeito diferente ao que estamos acostumados, mediante as cancións e a música. Escoitamos algúns que outros e despois fixemos outras actividades en relación co libro (limos a versión escrita, fixemos un debuxo da parte que máis nos gustou, etc...). teño máis actividades pensadas que xa vos irei contando. Ademáis inclúe a versión Karaoke para que poidamos velo ao mesmo tempo. Na rede podedes atopar dous dos videos por se queredes velo cos nenos e nenas, os cales xa coñecen de traballalos na clase. Podedes ver o video de Paco Papán se clicades aquí e subo o de Chocolata o cal foi o primeiro que coñecimos e polo cal decidínme a mercar este libro.

No hay comentarios: