martes, 24 de febrero de 2009

FOMOS XORNALISTAS

Tiña pendente contarvos o traballo coa prensa que fixemos hai dúas semanas. Co motivo de atopar unha ficha no caderno que contiña un páxina da prensa xurdiron outras novas actividades. Neste segundo trimestre estamos traballando máis en serio coa lectura e a escritura pero sen perder o punto lúdico que teñen que ter as tarefas nestas idades.

Un dos días apareceron moitos periódicos na clase e facendo pequenos grupos fomos mirándoos e apuntando todo aquilo que aparecía nas páxinas. Falamos da funcionalidade da prensa, para que servía, que nos dicía... Algúns lanzábanse a intentar ler as letras pero non eran de todo iguais ás que xa coñeciamos...

A proposta coa prensa tivo varios pasos:

1.    Observamos diferentes xornais e fixemos fotos as partes que aparecían.

2.    Anotamos no encerado aquelas cousas que vimos nos xornais, aquí xa eran eles os que me dicían que letras poñer. 

3.    Anotamos nunha folla o que estaba apuntado no encerado e pola parte de atrás recortamos e pegamos diferentes letras do xornal.

4.    Fixemos un primeiro boceto dunha posible noticia, ésta contiña o seu titular e a súa imaxe.

5.    Por último, fixemos a nosa propia primeira páxina do xornal. Esta actividade levounos varios días. Un día puxemos a data, o nome do xornal, o tempo. Outro día o titular e a imaxe, e por último a noticia un pouco máis ampla.

Na seguinte presentación podedes ver todo o proceso completo que fixemos:

Hai uns días que provoco que escriban na clase, sen ningunha presión pola miña parte para que poñan todas as letras, só que pensen en cales sons aparecen na palabra que queiran escribir...e se nos comemos algunha...Non pasa nada!. Parece unha tontería pero desde que aprecian que non hai ningunha reacción negativa pola miña parte cando se equivocan provócase unha actividade moi relaxada entre risas e traballo cando escribimos calquera cousa.

Se poidésedes entrar na aula neses momentos veríades como cada un está co seu traballo pronunciando en alto sons para intentar descifrar as diferentes letras, e outros máis áxiles buscan axuda noutros compañeiros máis expertos para que lles digan as letras... (a iso se lle chama traballo colaborativo).

Este traballo de escritura, xurdiu cando aprecei que uns tiñan problemas cunhas letras e outros nenos con outras. Dándolles liberdade á hora de escribir o que queiran logrei motivalos/as cara a actividades deste estilo tanto aos nenos que non presentan ningunha dificultade coma aqueles que lles custa algo máis. Ao mesmo tempo que facemos estas actividades van xurdindo todas as letras que queremos traballar.

Cando cheguen os traballos a casa veredes que non todas as cousas que escribiron están correxidas. Dependendo da actividade algunhas foron completadas despois entre o neno/a e máis eu e outras que se deixaron como eles consideraron oportuno por un lado, non penalizaba o que facían e por outro lado deixaban un rexistro do seu avance.

Toda esta actividade compleméntase con actividades máis concretas segundo as necesidades de cada neno, é dicir, se unha nena necesita traballar a letra d ao mellor a súa compañeira necesita traballar o p porque o d xa o identifica e o recoñece rapidamente.

Coma sempre gustaríame que o falásedes cos nenos/as e me comentedes calquera cousa que vexades oportuna. Para calquera dúbida tedes a vosa disposición o correo electrónico bulebuleblog@gmail.com


1 comentario:

Ana dijo...

Encantame o periodico "Espaguetisgratis"!! Que lamb@n!!!
Moitas felicidades polo voso traballo e a seguir cos xornais!!