lunes, 8 de diciembre de 2008

SÍ E A MOITA HONRA

Que ledicia ao ver que esta pequena parte do meu traballo e do meu día a día empeza a ter seguidores e achegas dende fóra. Como me dixo un compañeiro do colexio: "ter un blog ao principio é unha actividade solitaria e ás veces parece que falas para ti só". Así que non sabedes canto vos agradezo os comentarios e os ánimos cara a este proxecto que en breve cumprirá un mes de vida.

Durante este tempo o libro dos xogos segue medrando e a motivación por xogalos no patio moito máis, favorecendo a resolución dos pequenos conflitos que sucedían. O xogo da abelliñas de San Miguel era descoñecido para eles pero se observades a retahíla, entenderedes rapidamente porque foi moi ben acollido polos nenos e nenas da miña aula.
En canto o xogo da pita cega atopeime con grandes expertos no mesmo, onde algúns xa dominaban técnicas e estratexias moi complexas para non ser recoñecidos como, por exemplo, agacharse, pechar os ollos ou, a sempre eficiente, aguantar a respiración. Por iso, descargueime a seguinte pista de audio da páxina web orellapendella.org; que de súpeto se escoitou dende algún punto da clase; foi unha forma para motivar a presentación do xogo e favorecer que xurdisen hipóteses e ideas previas sobre o xogo.
Déixovos as follas para completar o voso libro persoal de xogos.

Ao ver que o libro é cada vez máis grande empezan a preguntar se llo levarán a casa polo nadal, punto que aínda non teño moi decidido xa que é unha proposta que quero que siga despois das vacacións... Umm! Terei que pensalo!
Doutra banda, estou moi ilusionada por como crecen as súas estratexias para resolver as pelexas que lles xorden con outros compañeiros. Como foi o pasado mércores (creo) cando Iago chegou do baño contándome que outro compañeiro pegoulle cando se atoparon no servizo. Para a miña sorpresa Iago pedíame permiso para ir en busca deste compañeiro para pedirlle desculpas. Non entendía moi ben o motivo das súas desculpas, pero el moi ben argumentoume que ao defenderse empuxouno contra a parede e que quería ir pedir perdón e falar con el porque así se solucionaban os problemas.
Ese mércores foi outro día máis onde os nenos demostranme que nos dan mil voltas aos adultos en canto o seu comportamento. Por iso, a partir de agora, cando alguén me diga que me comporto como unha nena responderei: SÍ E A MOITA HONRA! 

1 comentario:

Raquel dijo...

Ola! Son Raquel, a nai de Maruxa (unha nena da clase de Juan). Quería darche a noraboa polo teu blog e polo camiño aberto na resolución pacífica dos conflictos (e tamén, claro, a tod@s @s nen@s da clase por faceren camiño).